Feeds:
Artigos
Comentarios

O IES Virxe do Mar encargouse este ano do acto de entrega de premios da XVII edición do certame literario que organizan cada ano os dous centros de Noia.

Tras unha introdución musical e a lectura de versos de Lois Pereiro, recordouse a figura do profesor Alberto Romasanta a modo de homenaxe. A continuación entregáronse os premios e os diplomas aos participantes para rematar cun peche musical, de novo a cargo de alumnado do centro, e cun ágape.

O alumnado do Virxe do Mar acaparou os premios de poesía excepto no nivel I, que quedou deserto. En narrativa os premios foron máis repartidos entre o alumnado dos dous centros.

Premios-poesia-2011_800

Advertisement

O día 13 de maio de 2011, Salvador Bara, físico e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, acudiu ao IES Campo de San Alberto para mostrarnos un novo programa informático, Stellarium, que nos permite ver e estudar o ceo con facilidade polo seu sinxelo manexo. Foi unha hora a que pasamos con el, unha hora na que estivemos máis cerca do ceo do que nunca imaxinaramos. No ceo hai escritas historias de todo tipo, historias que se contan nos máis famosos libros e mitos da Antigüidade. Encóntranse formas idílicas e tamén seres que poden chegar a ser os protagonistas dos nosos pesadelos.

Todo isto fixo que me detivese a pensar que as mesmas estrelas que hoxe vemos foron testemuñas de masacres, batallas épicas, milagres, descubrementos, e, sobre todo, a inspiración dos máis grandes artistas. Engádenlle poesía e beleza á abraiante marabilla do Universo testemuñando as inquedanzas humanas.

Ao final da reunión, encomendóusenos facer unha tarefa relacionada coas estrelas e a mitoloxía grecolatina. Dividímonos en grupos de 4 para traballar sobre unha constelación, tivemos que fotografala e investigar a súa historia e mitoloxía. Foi unha experiencia enriquecedora, divertida e, sobre todo, digna de repetir.

Alba Patiño Díaz, 4º ESO A.

Manifesto

     Sempre escoitamos falar nas noticias de sucesos coma este pero nunca nos sentimos tan cerca deles; é agora cando mellor comprendemos o que se sente.

     Pensando na gran cantidade de noticias sobre as mulleres que son vítimas da violencia de xénero no noso país, dámonos conta de que o sentimos todo moi lonxe, tanto, que chega a parecernos irreal en moitos casos. Pero unha vez que vives isto tan de cerca, dáste conta de que esas situacións se producen realmente, e que non son exclusivas de certa clase de persoas, senón que afectan a todos por igual. Pensamos que é necesario un cambio urxente na mentalidade das persoas, porque aínda que legalmente case que se pode falar de igualdade entre persoas de diferente sexo, na realidade, os tópicos seguen gravados na mentalidade da maioría das persoas, incluso inconscientemente. Debemos cambiar nós antes que intentar cambiar a toda a sociedade. Empezar por nós mesmos e conseguir que o mundo enteiro se despoxe dos tópicos que impiden o cambio para construír entre todos/as unha sociedade igualitaria, real e que facilite o desenvolvemento de relacións solidarias entre homes e mulleres.

     Gloria foi alumna do IES “Campo de San Alberto”. Moitos de nós non a coñeciamos pero compartimos con ela o noso instituto, a nosa vila… Aínda que non poidamos dicir moito, si queremos transmitir a tristura que sentimos polo que aconteceu e o noso apoio á familia e aos máis achegados a ela.

     Non temos palabras para describir o que sentimos, estamos abraiados co suceso. Só podemos dicir que sentimos moito o que pasou o venres e queremos darlle o noso pésame e todo o noso apoio á familia de Gloria e aos seus achegados, en especial a Adrián , o noso compañeiro. Sabemos que agora necesitas do noso apoio xa que imaxinámonos que estás pasando polo peor momento da túa vida. En nome de todos os alumnos/as, profesores/as e o resto da Comunidade Educativa deste centro dámosche o noso máis sentido pésame e dicímosche que podes contar con nós se o precisas.

19/05/2011

IES “Campo de San Alberto” 4º ESO

Destinada a alumnado da ESO, esta actividade do Mes Cultural realizouse en dúas partes, unha na aula de informática para alumnado de 4º e outra en Audiovisuais para os de 3º ,e tiña como finalidade achegarnos un pouco máis ao descubrimento da conformación do universo coa axuda das novas tecnoloxías. Foi impartida por Salvador X. Bara, Profesor de Óptica e Optometría da USC.

Aí van algunhas fotos do acto en homenaxe a Lois Pereiro que vos anunciamos o pasado mércores. O alumnado esmerouse no deseño dos poemas diante da mirada perplexa dalgúns peóns que pasaban por alí e paraban a ler con curiosidade. Asistiron alumnos e alumnas dos dous institutos de Noia e esta é unha pequena mostra do proceso e do resultado.

Os alumnos de Bioloxía de 3º da E.S.O querémosvos presentar unha páxina sobre o APOD galego. E preguntarédesvos, que é o APOD galego? Pois o APOD galego é a versión galega do Astronomical Picture Of the Day da NASA. Unha páxina onde se publica diariamente información da NASA dende 1995. A información que contén é toda en galego.
A páxina conten arquivos e categorías para unha busca máis fácil. No apartado de categorías podemos atopar información sobre a Terra, estrelas, galaxias, sistema solar, vía láctea etc.

Nebulosa Trífida, imaxe de hoxe no APOD galego.

Enlace da páxina: APOD galego

  • Alumnos de 3º da E.S.O non bilingüe.

Créditos da imaxe: CopyrightR Jay Gabany