Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for Xaneiro 2011

Marabilloso encontro con Manuel Rivas no Coliseo Noela, acompañado polos guitarristas Gastón Rodríguez e Miguel Ladrón de Guevara e a magnífica cantante de fados Iria Peña, que alternaban temas musicais coa lectura de diversos fragmentos da súa última novela por parte do autor. As palabras das personaxes e os ambientes transmitidos polo narrador cobraban unha dimensión diferente, mostrándose dun xeito máis real, máis vivo e inquietante.

Na segunda parte do acto tivemos a oportunidade de escoitar as respostas que Manuel Rivas improvisaba ás preguntas que alumnos e alumnas lle fixeron sobre a literatura en xeral, sobre a súa obra, e en concreto sobre “Todo é silencio”.

MRivas_coliseo2_cut_800

Deste xeito coñecimos, por exemplo, que o autor non pode establecer unha liña divisoria entre o xornalista e o escritor de ficción (sempre comprometido co seu entorno) e que se se tivese que quedar con algunha das súas obras, sería con “En salvaxe compaña”, aínda que considera que cada libro se despide del unha vez que se edita -coma os barcos no peirao- e a partir dese momento xa cobran vida propia e son un pouco tamén da autoría dos seus lectores.

O tema do contrabando na novela deu pé a varias reflexións acerca da fronteira como lugar que limita e á vez aporta liberdade, “o mundo vén sendo unha fronteira, iso dá lugar a desafíos“. A cuestión na novela tradúcese en reflexar como se foron construíndo redes ocultas que se fixeron co poder e reduciron o espazo da democracia, da solidariedade e do poder cívico. Estivemos nunha situación límite sen sermos conscientes ata que as asociacións de nais contra a droga espertaron as conciencias. Isto, xunto coas medidas xurídicas e a investigación, permitiu que se puidera recuperar a normalidade.

Preguntado acerca de que conclusión poden tirar os xoves da lectura do libro, Rivas contestou que o importante está en relación co uso da linguaxe, a súa importancia para dicir a verdade e para ocultala, para alumear o que está escuro e para ocultar o que se ve.
A linguaxe ao longo da historia da humanidade é usada para liberarse e tamén para dominar ás persoas, e o dominio máis estremo é impor o silencio… cando este gaña, estamos mortos.

Read Full Post »

latrica botón grande grande

Latri.ca xorde como resposta ao auxe de redes sociais como Twitter, Tuenti ou Facebook, pensada como rede social galega, similar ao modelo de Twitter, onde a xente poida compartir os seus temas de actualidade, preocupacións, afeccións, etc.

Latri.ca é un proxecto persoal, non empresarial, aloxado en sinxelo.com, creado por un grupo de persoas que tentan facer proxectos en galego para galegos.

Latri.ca dispón tamén dunha versión para móvil (http://m.latri.ca).

Este texto é un resumo da páxina http://latri.ca/about.

Read Full Post »

O IES Campo de San Alberto xunto coa Editorial Xerais en colaboración co Concello de Noia organiza este acto no que o autor presentará a súa última novela “Todo é silencio”. A contunuación o alumnado do consello de redacción da revista “Entrepontes” entrevistará o escritor. O acto conta coa colaboración do EDLG, o Departamento de Lingua Galega e a Biblioteca do centro.

O acto terá lugar mañá venres 28 de xaneiro, ás 20h, no Teatro Coliseo Noela de Noia.

Aquí podes descargar unha invitación ao acto:
«Invitación.PDF»

Read Full Post »

Domingo Villar Domingo Villar encheu o espazo baleiro entre el e o alumnado de 1º e 2º de Bacharelato o pasado xoves 20 de Xaneiro cunha charla distendida na que o autor puido compartir connosco as circunstancias e vivencias que o levaron ata o oficio de escribir xa dende a súa nenez, “cando se fan redaccións e contos … e case por razóns de evolución darwinista acabas escribindo novelas”.

Sempre soubo que quería contar historias pero non era moi falador e axiña se decatou de que escribir ten máis que ver con ter os ollos e as orellas abertas máis do que a boca.

Falounos da súa produtora audiovisual en Madrid na que escribía guións de todo tipo e que levou por diante os seus aforros de toda a vida así como os seus soños e ilusións. Tivo que partir de cero e decidiu que quería controlar todo do resultado final do que creaba, por iso se decidiu a escribir narrativa.

A novela negra pareceulle a mellor fórmula para manter a intriga do lector ata o final – que é o que todo escritor busca – e agora considera que ten o que para el é o mellor oficio do mundo, que segundo el consiste en construír un xigantesco puzzle de 40.000 pezas que logo terá que montar o lector.

Domingo Villar naceu en Vigo en 1971 e na súa obra literaria destacan dúas novelas de grande éxito galardoadas con varios premios e traducidas a diversos idiomas: Ollos de auga, de 2006, e A praia dos afogados, de 2009.

praia_Panxón

Imaxe modificada de wikimedia.commons: Panxón, Nigrán. Galiza.

Read Full Post »

Por 2º ano consecutivo o Equipo de Dinamización da Lingua e o Equipo da Biblioteca, elaboramos unha libretiña centrada na figura a quen se lle adica o día das letras galegas, este ano o poeta Lois Pereiro. A libreta conta cun verso do autor e cun calendario así como con información dos días do ano relacionados coa lectura.
Esta vai ser a portada para este ano 2011:
Libretiña-calendario-2011_rec

Read Full Post »

Debido á constante petición de resolución de dúbidas en galego por parte do profesorado e do persoal do centro en xeral, o alumnado de 2º A de Bach, realizou este tríptico para eles coas normas máis demandadas e cunha folla recortable na que cada un pode deixar as súas propias dúbidas a fin de seren resoltas polos membros do equipo.

Aquí unhas vista do tríptico antes de encartar:

Trip_dub_pdf_1_rec
Trip_dub_pdf_2_rec

E para descargalo en PDF, preme aquí.

Read Full Post »

Older Posts »